COLEXIO PLURILINGÜE NOSA SEÑORA DO ROSARIO

"
No solamente unidos sino todos un solo
corazón y una sola alma
." (D. Baltasar Pardal Vidal)

venres, 19 de xuño de 2020

VACACIÓNS!

O último día de curso sempre estaba cargado de sorrisos, emocións, algunha que outra bágoa e o agasallo dun traballo feito con moito agarimo por parte de todo o profesorado e de todos os nenos e nenas.
Este ano despedimos o curso tamén con moita emoción (os pais e  profes con algo de desasosego) e co mellor agasallo....  
"as nosas zapatillas dispostas a realizar o camiño, día a día, con esperanza, humor, amor, gratitude, tenrura e sinxeleza de nenos".

Queredes? esperámosvos o próximo  setembro!
Feliz verán, familias!

xoves, 18 de xuño de 2020

FESTA FIN DE CURSO

Hoxe a festa de fin de curso concluiría segundo as previsións que fixemos ao comezo do curso ... pero non foi así. 
Cada un na súa casa, na súa realidade, está a vivir esta situación da mellor forma posible, con grandeza de corazón e con amplas miradas de esperanza no futuro. 
Eu diría que a nosa particular festa de fin de curso foi unha maravillosa actuación de cada un de vos (pais e nais), de cada rapaz e rapaza, de cada familia en xeral... pois entre todos puxemos o corazón, a humildade, o sorriso, o traballo, a fe, o afecto, o rostro  a este curso atípico. 
Seguro que estamos a ver coa imaxinación moitos xestos cariñosos e cheos de tenrura; moitas risas; moitos aplausos polo traballo feito... seguide a mirar: o esencial vese cos ollos do corazón do neno que somos ... sacando de todas as situacións o maior ben que nos fai vivir con grandeza.
Este ano o noso lema foi #ETiQueFas? ... seguro que fixemos moito máis do que pensamos e moi diferente do programado; afrontar esta realidade fainos máis humanos e máis xenerosos entre nós. Grazas familias, grazas, nenos e nenas, grazas persoal de servizo, grazas Fillas da Natividade de María, grazas profes, grazas amigos e antigos estudantes por estar cóbado ao cóbado xunto a nos e facer realidade a gran familia da Grande Obra de Atocha nesta vila de Arzúa.
Agardo por ti,por cada un de vos o ano que vén.
Feliz verán!




mércores, 17 de xuño de 2020

COIDAR A CASA COMÚN

O Día Mundial de Loita contra a  Desertificación e a Seca, celébrase o 17 de xuño de cada ano. O decreto foi establecido pola ONU co obxectivo de crear conciencia da importancia que ten para os seres humanos e o planeta atacar e dar solucións aos problemas de  desertificación e seca que representan graves problemas presentes e futuros para toda a humanidade.
Déixovos o vídeo que a ONU nos recomenda para recordar este día e tamén as palabras do Papa animándonos a todos a coidar a nosa casa común que é o planeta terra.
A campaña da Igrexa "se coidas o planeta combates a pobreza" anímanos a vivir doutra maneira na que os ciclos vitais de todos os seres vivos sexan respectados e coidados. Así a riqueza pode ser sostible e en cantidade suficiente que chegue para todos.

Contempla o marabilloso que é o noso planeta...

video ONU                                    palabras del PAPA


martes, 16 de xuño de 2020

VIVIR O TEMPO PRESENTE


Escoitando as noticias de hoxe na mañá atopeime con esta noticia en RNE na que Laura  Barrachina charlou co filósofo Daniel  Innerarity sobre ' Pandemocracia', o seu novo libro no que reflexiona sobre como esta pandemia cambiou o mundo tal e como o coñeciamos; estas son algunhas das súas palabras e ideas: "... creo que un dos grandes eixos de transformación da democracia é conseguir que o futuro estea máis presente nas nosas consideracións. (...) É dicir, pensar que o tipo de accións, de interrupcións, que podemos facer os humanos soberanos hoxe en día, teñen unhas repercusións nas xeracións futuras, no impacto na natureza, nos bens comúns, e que en virtude das cales non nos podemos permitir  desconsiderar os dereitos que teñen, por exemplo, as xeracións futuras de gozar deses bens comúns. Por conseguinte, todo o que sexa fortalecer eses compromisos que nos vinculan dunha maneira estable e permanente de tal maneira que haxa cousas que nós posibilitemos que pasen no futuro, paréceme que é unha liña moi prometedora de renovación do pensamento..."

Paréceme interesante reflexionar sobre elas.

luns, 15 de xuño de 2020

NOVA SEMANA... SEN ALARMA


Nesta semana imos comenzar a etapa de "non alarma" e por iso nosa forma de actuar ten que ser máis consciente e respectuosa cara a nós e cara aos demais.

O ensino que aprendemos nesta pandemia ténnos que valer para non caer nos mesmos erros e para previr todo aquilo que axude a superar estas condicións actuais: coidando o planeta, respectando os ciclos da vida e aproveitando o tempo enchéndoo de todo aquilo que nos dá sentido e  plenifica noso ser e a nosa vida en relación cos demais. 
Ao escribir estas palabras lembrei a lectura do diario de Ana Frank; nel encontras, en cada unha das suas liñas, esperanza e amor pola humanidade (¡a pesar da que estaba a caer!)... déixovos unha delas. 
Entre todos podémola facer realidade. 
Feliz semana!


domingo, 14 de xuño de 2020

CORPUS CHRISTI! DÍA DA CARIDADE!

Hoxe é o domingo de Corpus: día de procesión (es), de primeiras comunións, de alegría para os nenos e nenas, día de "estreas", día de cáritas....; aínda que celebrado doutra forma pola  casuística que estamos a vivir.
O importante do día é que siga sendo CORAZÓN de Deus que se manifesta en xestos de coidado e de tenrura cara aos homes e mulleres deste mundo. Esta manifestación de Deus-Trindade no misterio da Eucaristía,  procesionado nas nosas igrexas é a mostra do maior amor; por iso hoxe é o día de CÁRITAS por excelencia. 
Oxalá, celebremos o misterio da Eucaristía e coas nosas miradas e coa nosa caridade podamos ser presenza do corazón e amor de Deus neste intre da historia da humanidade.
#CadaGestoCuenta 


sábado, 13 de xuño de 2020

QUÉROME CONTAXIAR!


Este sábado xa estamos a quentar motores cara a "as vacacións" de verán. Seguimos aos poucos este camiño de  desescalada.... sanitaria. 
Desexo de verdade que estes días que temos por diante como unha nova etapa estea  rebosante de responsabilidades cumpridas e que noso contaxio sexa do que se nos fala nesta foto: fe, esperanza e amor.

venres, 12 de xuño de 2020

FELICES SOÑOS!




Moitas veces o mesmo cansazo provócanos desasosego e incomodidade; por iso, cando máis desexamos descansar fáisenos máis  dificil. 
Quizá a solución está nunha pequena dose de humor, de ilusión e de serenidade antes de irse á cama. 
Que vos parece? 
Felices soños!

xoves, 11 de xuño de 2020

DOUS POR UN!


Como onte non puiden realizar a reflexión diaria deste tempo de pandemia hoxe quero deixar un 2x1, coma se de rebaixas tratásese: leo unha reflexión e aliméntome de dúas ideas. 
Aí van: perdón e agradecemento

Chega o final de curso, a festa, o sorriso, os bos desexos, as probas, as avaliacións, e en mente os plans para o verán. Todo isto envolto na incerteza e no medo do momento, e tamén, coa ilusión de salvar esta situación e chegar a unha mellor.

É tempo de facer memoria do vivido, dos novos coñecementos adquiridos, das capacidades descubertas, dos vínculos creados e, sobre todo, do coidado e o valor do que descubrín que é importante na miña vida; asi como perdoar e pedir perdón por aquilo que vive no noso corazón  e fainos dano e non nos deixa crecer como persoas e mingua a nosa humanidade

A oración axuda sempre, coma dicía Santa Teresa: orar é “tratar de amizade” estando moitas veces a soas con quen sei ámanos. Durante este tempo coidamos e alimentamos o desexo de atoparnos co Señor, nos nosos fogares, persoalmente, en familia… Cultivamos o trato de amizade e convidámosvos a seguir coidando esta relación no final de curso e ao longo do verán.

Sigamos buscando espazos de amizade, desde o que somos, escoitando aquilo que máis necesitamos e deixándonos acompañar por Xesús de Nazareth  co corazón agradecido, tal como fan os nenos e nenas.

martes, 9 de xuño de 2020

A MÁSCARA E A MIRADA!

Fai un tempo  o uso das   máscaras está a ser parte dos actos habituais de calquera persoa. 
Habemos de seguir tomando precaucións e fomentar o lavado de mans e o  distaciamiento social, onde isto non poida darse, imprescindible a máscara. 
Resúltame gratificante ver a papas, mamás e nenos aprendendo o bo uso das mesmas, como poñelas, en que momento, o que si e o que non facer con elas.... 
Déstesvos conta que as máscaras realzan a mirada? Teñamos como os cativos unha mirada  risueña e alegre, tamén con máscara!
O que sinxelamente están a aprender os nenos, sexamos capaces de levalo nós á práctica como adultos.
Cada día que pasa, a  máscara faise hábito. Sexamos responsables e coidemos uns de outros.


luns, 8 de xuño de 2020

DÍA DOS OCÉANOS

Este 8 de xuño celébrase o Día dos Océanos e, con tal fin, na plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde”,  están publicadas cinco pezas audiovisuais protagonizadas pola Framilia Trebón e orientadas cara a unha temática común: un mar limpo.
Supoño que unha imaxe vale mais que mil palabras.

¿mas plástico que peces?

domingo, 7 de xuño de 2020

A TRINIDADE!


Este domingo é especial porque na Igrexa Católica celébrase o día da Santísima Trindade e está dedicado especialmente a lembrar os mosteiros de clausura. 

Coñeces algún? 
Sabes os que hai na nosa diocese de Santiago de Compostela?  En Galicia?  En España?
Se che apetece investigar déixoche estas ligazóns.

https://conferenciaepiscopal.es/7-de-junio-jornada-pro-orantibus/

https://declausura.org/

Esta festa da Trindade quérenos animar a todos a vivir un amor fecundo, unido e fortalecido para facer o ben, ao estilo de Deus, que é Pai, Fillo e Espírito Santo.
Animádevos a vivir como unha familia  trinitaria. 

Feliz domingo!

sábado, 6 de xuño de 2020

A FELICIDADE!


Moitas cousas axúdannos a conseguir a felicidade.

Ás veces, se non as temos, tentamos conseguilas e ata compralas se fose necesario.
Isto non ten prezo e é o 90% da nosa felicidade: saber aceptar as cousas tal como son se non as podo mellorar nin cambiar.
Anímoche a facelo. 
Feliz día!

venres, 5 de xuño de 2020

A HORA DA NATUREZA


Este día conmemoramos o día do medio ambiente co lema "a hora da natureza"

Cada día estamos máis concienciados de que coidar a contorna é coidarnos entre nos. 
Coidar o planeta é tarefa de todos esteamos onde esteamos e teñamos a idade que teñamos. 
Non quedemos nun só día de conmemoración; fagamos dos 365 días do ano " dia do  medioambiente".
Déixovos algun enlace importante e curioso.

Información        Xogos


xoves, 4 de xuño de 2020

PROTECCIÓN DOS NENOS

O 4 de xuño celébrase o Día Internacional das Nenos Vítimas Inocentes de Agresión, unha data proclamada pola ONU coa que se pretende conseguir a protección dos nenos en situacións de guerra e conflitos.
Seguro que a intensidade e gravidade dos conflitos varía moito segundo a zona na que se viva e as posibilidades de desenvolvemento que se teñan, o que é certo, calquera conflito, por pequeno que sexa crea un ambiente de inestabilidade e de medos que inflúen directamente na infancia que os soporta.
Os nenos son os máis vulnerables neste tipo de situacións e reciben todo tipo de agresións físicas, psicolóxicas e emocionais. O obxectivo final é construír un lugar seguro para os nenos onde poidan crecer e desenvolverse como persoas íntegras, sen o sufrimento e a dor que implican as guerras e os conflitos.
As Nacións Unidas han adquirido un firme compromiso para protexer á infancia. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible inclúe por primeira vez unha meta específica centrada en poñer fin a todas as formas de violencia contra os nenos.       Vídeo 2020 


mércores, 3 de xuño de 2020

SEGUIMOS NO ESTADO DE ALARMA

A obrigación non fai a devoción, reza un refrán; así pois, anque os Deputados voten a favor de continuar o estado de alarma non implica que as persoas actuemos de forma reflexiva e de maneira coidadosa coa nosa saúde e coa dos demais. Habemos de asumir, con liberdade, o que beneficia ó benestar común e actuar en consecuencia.
E, ao revés?, cando xa non se regule un estado de alarma, seremos capaces de gardar a distancia?, de lavarnos as mans con frecuencia?, de hixienizar o que usemos?
Non fagamos as cousas porque nos obrigan, impóñennolo, mándannolo....; senón porque coa nosa forma de actuar e vivir somos mellores persoas e colaboramos nun mundo mellor.
E sempre cun pouquiño de humor e de amor!

martes, 2 de xuño de 2020

UNHA XORNADA QUENTIÑA!


Tal como están os ánimos e as palabra e os xestos (todos eles máis que calentitos).... vivamos onde vivamos e miremos ao carón dereito ou esquerdo... o RESPETO é fundamental. Unha imaxe vale mais que mil palabras. Bo descanso.


luns, 1 de xuño de 2020

NOVO MES - NOVOS RETOS


Empezamos a primeira semana de xuño, buscando novos retos e mantendo ilusións e desexos que fagan deste mes un tempo de mirar cara ao horizonte e  encontar sempre unha man amiga que nos faga agradecer o mellor dos agasallos:                                   "o presente" 

Esta idea está sacada da película  Kung  Fu Panda (2008), a cal vos recomendo ver e  entresacar dela moitos ensinos: perseveranza, consello, amizade, traballo, reflexión, paciencia, alegría, fe, ...